RINCÓN NATURAL Ó NORTE DE GALICIA

Unha sociedade que decide organizarse sen unha ética mínima, altruísta e respetuosa coa natureza, está trazando o camiño da súa propia autodestrucción.

Leonardo Boff

terça-feira, 31 de janeiro de 2012

GARZALLADA


As garzas, maxestuosas e elegantes no seu andar á procura de comida, conseguen engaiolar a mirada de calquera que se arrime polos nosos humidais e, como xa dixen noutra ocasión, non queda máis remedio que controlarse á hora de fotografialas por que un non da parado, e o final  pesa máis o archivo das garzas que tódolos outros xuntos.
Poño baixo estas liñas unhas poucas fotos de tres especies deste fermoso grupo de aves, todas elas fotografiadas na Ría de Ortigueira.

Moi presente pola ría, a garza real (Ardea cinerea) que non por ser común deixa de ser un fermosísimo animal.



























Outra garza, esta menos habitual, é a garceta grande (Ardea alba), esta especie procedente do este de Europa era unha rareza ata non fai moito, pero parece que dende fai  anos se está a expandir polo oeste europeo, chegando a criar nalgúns puntos da península como no delta do Ebro ou  en Huesca, na laguna de Sariñena.
Este ano puiden ver un grupo de oito exemplares sobrevoando a Ría do Barqueiro, un exemplar polo xuncal de Esteiro (gracias a Víctor e a Sebito por avisar), é curiosa esta observación nun río baldío e tremendamente degradado pola acción dunha canteira de lousa (isto é conto para outra entrada), e finalmente un par de exemplares pola Ría de Ortigueira.



E xa para rematar este curto andar polo mundo dos ardeidos, a garceta común (Egretta garzetta), especie agora abundante, pero varios paxareiros me teñen dito que fai anos non era unha especie tan frecuente. 
Esta especie semella moito máis nerviosa e inquieta que as anteriores, e a miúdo se aproveita da espectacular pesca colectiva que realizan os cormorás grandes para se facer con algún peixe dos que estes acurralan.



Xa para finalizar, este video onde se pode ollar a táctica de pesca que usa a garceta, aínda que polo título que lle puxen (a pesca da garceta) máis ben semella que ela é a pescada, en fin un erro máis da miña cabeciña.


Espero que este pequeno homenaxe a estas tres garzas fose do voso agrado, sen máis que engadir despídome polo momento, un saúdo e moitas gracias por me ler.

sexta-feira, 20 de janeiro de 2012

ACORAZADOS (part.2)

Pois por acó sigo, nesta ocasión dándolle un repasiño a algúns dos nosos escarabellos.
Nesta entrada todos pertencen a familia cerambycidae, para min os máis fermosos de tódolos nosos acorazados.
Algúns escarabellos desta familia xa foron mencionados na primeira parte dos acorazados.


Tamén coñecidos como longicornios pola gran lonxitude que acadan as antenas en moitas das súas especies, os cerambycidos son unha familia composta por máis de 25.000 especies.
Son escarabellos polífagos que soen ter unhas cores que lles permiten mimetizarse co medio, pola contra un importante número destos, contan con cores aposemáticas que imitan as das abellas ou as vésporas (mimetismo batesiano), chegando a copiar tamén os seus áxiles movementos, confundindo así ós seus depredadores que os teñen por perigosos a pesares de non ser tal. 

Arophalus ferus (Mulsant, 1839) 
Lonxitude: 8-28mm.
Especie paleártica que podemos atopar en toda a península e nas Illas Baleares, en Galicia está presente en todas as provincias.
Aparece como adulto entre os meses de xuño e setembro, é unha especie de costumes nocturnas que frecuentemente se sente atraída pola luz.
As súas larvas aliméntanse da madeira seca das coníferas, producíndose a súa pupación a comezos do verán.

Arophalus ferus (O Barqueiro)
Arophalus ferus (O Barqueiro)

Arophalus ferus (O Barqueiro)

Arophalus ferus parasitado (O Barqueiro)

Plagionotus detritus (Linnaeus, 1758)
Lonxitude: 5-19mm.
Especie Euromediterránea que aparece distribuída por toda a península aínda que só no norte chega a ser abondoso, está asociado as masas de frondosas tendo unha marcada preferencia polos robledais. Os adultos aparecen entre abril e xullo movéndose entre os troncos mortos, con frecuencia aliméntanse das exudacións das frondosas enfermas ou feridas.
As súas larvas aliméntanse baixo a cortiza das ramas das frondosas, introducíndose no leño tan só cando lles chega a hora de pupar. 
A súa coloración aposemática non é máis que un disfraz de avéspora para despistar a posibles depredadores, posto que este escarabello é totalmente inofensivo. Sorprende especialmente nesta especie a velocidade nos seus movementos e a velocidade con que despega e aterriza nos troncos, dende logo, ollado dende lonxe non dá sensación de ser un escarabello.

Plagionotus detritus (O Barqueiro)


Cópula de Plagionotus detritus (O Barqueiro)

Plagionotus detritus (O Barqueiro)
Cópula de Plagionotus detritus (O Barqueiro)

Clytus arietis (Linnaeus, 1758)
Lonxitude: 5-15 mm
Especie euroasiática, común en toda a península, escepto en Andalucía donde parece non estar presente.
de novo o imago presenta as cores dunha avéspora para enganar ós depredadores.
As larvas desta especie son extremadamente polífagas alimentándose de infinidade de árbores, arbustos e prantas, estas pupan durante o inverno, emerxendo como adultos entre os meses de maio e agosto.

Clytus arietis (Praia de Bares)

Clytus arietis (Praia de Bares)

Cribroleptura stragulata (Germar, 1824)
Lonxitude: 10-15 mm.
Especie presente únicamente na península ibérica e na rexión pirenaica francesa, na península  falta tan só en Andalucía.
A súa gran variabilidade cromática deu lugar a máis de unha vintena de variedades. 
Os adultos sóen alimentarse de diferentes flores especialmente umbelíferas.
As súas larvas aliméntanse de troncos secos de coníferas, tarda dous anos en completar o seu ciclo, aparecendo os imagos entre maio e agosto.

Cribroleptura stragulata (O Barqueiro)

Cribroleptura stragulata (O Barqueiro)

Cribroleptura stragulata (O Barqueiro)

Rutpela maculata (Poda, 1761)
Lonxuitude: 14-20mm.
Nesta especie as distintas combinacións de cores, dan lugar a máis de oitenta variedades distintas repartidas por toda a rexión paleártica, dende Siberia ata a Península Ibérica, sendo moi abondosa na metade norte desta.
Sen dúbida esta é a especie que máis teño atopado pola zona, chegando a contar máis de un cento de exemplares tan só na praia de Bares nunha mañá.
Os adultos voan entre os meses de maio e agosto acudindo durante o día a alimentarse sobre distintas flores, especialmente umbelíferas.
As súas larvas aliméntanse da madeira morta de gran variedade de frondosas e ocasionalmente de coníferas, necesitando de dous anos para completar o seu ciclo.

Rutpela maculata (praia de Bares)
Rutpela maculata (praia de Bares)

Cópula de Rutpela maculata (praia de Bares)

Sinto ser tan pesadiño co tema, pero teño que teimar en que todos estos seres son altamente beneficiosos para os ecosistemas, ven como descompoñedores de materia nos seus primeiros estadíos, ven como polinizadores na súa fase adulta ou ven como fonte de alimento para infinidade de animais, que serán quenes finalmente teñan que manter o equilibrio, evitando así as temidas pragas. Pragas que por outro lado, non son máis que a resposta a unha mala xestión das nosas leiras e montes, nas que decidimos sustituir o traballo incansable e gratuíto de morcegos, micromamíferos, páxaros, anfibios, reptís...  por un caro producto químico do que dependeremos sempre e con peores resultados a larga.
Agora si... sen moito máis que engadir despídome polo momento un saúdo e moitas gracias por me ler.