RINCÓN NATURAL Ó NORTE DE GALICIA

Unha sociedade que decide organizarse sen unha ética mínima, altruísta e respetuosa coa natureza, está trazando o camiño da súa propia autodestrucción.

Leonardo Boff

sexta-feira, 10 de junho de 2011

IN ALBIS

Aínda que a miúdo tendemos a chamar albinos os animais que anormalmente aparecen de cores brancas ou claras, o certo é que as máis das veces trátase de outras anomalías que producen un efecto similar. Unha destas anomalías é o leucismo. Mentres o albino se caracteriza pola imposibilidade de producir melanina, o que provoca unha falta desta a nivel xeral, nos exemplares leucísticos si se produce esta sustancia, pero por diferentes razóns non a poden fixar a certas partes do seu corpo, aparecendo entón os exemplares que vulgarmente chamamos albinismos parciais.
O leucismo é unha aberración que se produce con certa frecuencia en aves. Persoalmente teño observado só en merlos, aínda que fai unha semana puiden ver en Ferrol un exemplar de pega (Pica pica) co plumaxe totalmente blanco, non tiña a cámara, e só lle puiden quitar unhas fotos co móvil, malas pero...

Nesta outra foto o protagonista é un corzo (Capreolus capreolus) neste caso albino, que atoparon fai anos unhos compañeiros de traballo enganchado nunha alambrada, a foto foi sacada mentres esperaban que chegara a recollelo o servicio de protección. Este exemplar estivo durante anos no Veral en Lugo.

No caso das prantas non fun quen de atopar unha denominación exacta para este fenómeno, posto que o albinismo se asocia a falta de melanina e as prantas carecen de tal sustancia, posuindo outras como os distintos tipos de clorofila a xantolina os carotenos, etc.
Polo tanto non me queda máis que de momento seguir utilizando este nome, aínda que por precaución o deixe entre comillas.
No caso das prantas os albinismos totais solen ser fatais. A falta de cor e polo tanto de clorofila provoca a imposibilidade de fotosíntese polo tanto a morte, non sendo que se trate de prantas holoparásitas, saprófitas e algunha outra excepción, xa que estas poden prescindir deste proceso.
Sen embargo os albinismos parciais son fenómeno bastante frecuente, afectando máis comunmente os órganos florais. Nesta sección descarto especies procedentes de xardinería obtidos vexetativanente, hibridación, etc.

Esta última semana que andiven na procura de orquídeas, e de paso tiven a sorte de poder fotografiar algúns casos destos "albinismos".
Os estalotes, dedaleras, (Digitalis purpurea) un albinismo que soe aparecer todos os anos por algures. Seis exemplares en non máis de 100 metros cadrados, no lugar da  Devesa


Esta outra é unha tamborela ou brañoca, como lle chaman por acó a todas estas ericáceas que se utilizaban como estrume nas cortes.
Daboecia cantabrica atopada non arribazo nas Grañas do Sor
                                          Comparación coa tonalidade de cor máis frecuente.

Un albinismo frecuente nas nosas dunas é a do alelí das praias.
 (Malcomia littorea) praia de Estiero (Barqueiro)
   Comparación de cor.

E por último unha orquidácea que para iso andaba a elas, aínda que non contaba con esta curiosa sorpresa, neste caso Dactylorhiza elata,
Aínda ontes seguía medrando algunha nova aló por Mañón, mesturadas con outras coa súa cor común. Eran en torno a ducia de exemplares brancos, que mesmo me fixeron crer que se trataba doutra especie.
(Dactylorhiza elata) a carón da carretera de Mañón.
Comparación de cor.

Sen moito máis que engadir despídome polo momento,un saúdo e moitas gracias por me ler.

quarta-feira, 11 de maio de 2011

Aglia tau

Non fai moito paseando con un compañeiro por un afluente do Sor topamos con unha bolboreta.
O seu nome é Aglia tau, en España só está presente na cornisa cantábrica e nos Pirineos.
En Galicia foi citada por primeira vez no ano 1977 por Fernandez Vidal. Ten unha distribución moi reducida estando citada só nas Fragas do Eume, e na Serra do Candán en Lalín, máis recentemente foi citada no Courel e nos Ancares. Non parece que fora citada por estas terras, nin tanpouco foi esta zona incluída como de potencial distribución da especie, a pesar de non estar tan lonxe das Fragas do Eume.



Este exemplar é unha femia que estaba pousada nun felgo seco, nun monte de galería dominado por carballos, ameneiros e aveleiras a 350 metros de altitude. Nalgunha outra ocasión puiden ver revolotear durante o día algún exemplar macho, pero ata agora que atopei este exemplar que puiden fotografiar, non reparara na especie nin a identificara, parece difícil poder fotografiar un macho sen ser capturado, xa que voan a unha velocidade importante e nunca as vin pousarse.


Fóra de Galicia esta especie parece alimentarse case exclusivamente de faias, mentres que na nosa terra a falta de masas desta especie, parece ter preferencia por aveleiras como pranta nutricia.


A súa actividade céntrase nos meses de Abril ata Maio-Xunio, según a altitude. O macho de forma xeral voa polo día durante a mañá en busca de femias, aínda que tamén o pode facer de noite se ten algunha luz artificial, a femia so voa de noite. Teñen unha soa xeración o ano, a posta realízase nas gretas dos troncos das árbores desenrolándose as eirugas dende maio ata agosto, pasando por 4-5 estadíos e pupando a partir deste mes na follarasca do chan. Neste estado pasan o inverno, para xurdir como bolboretas na primaveira seguinte, esta ten unha embergadura de ente 6-8,5 cm e unhos fermosos "ocelos" de cor púrpura que encerran unha mancha branca que recorda a letra grega tau, da que provén o seu nome.


Para ver algún dato máis sobre a distribución e costumes da especie en Galicia premede no título.
Sen moito máis que engadir despídome polo momento, moitas gracias por me ler.

sexta-feira, 29 de abril de 2011

Carnívoras da Faladoira

Esta é unha entrada das que gusta facer, por ser unha boa nova para a nosa bisbarra. Estos días atráis andiven paseando pola Faladoira para ver conmo andaban as nosas poboacións de prantas carnívoras.
Medraban gran cantidade de orballiñas, algo esperado, aínda que non contaba con tan alta densidade de exemplares. A maioría eran da especie Drosera rotundifolia aínda que tamén aparecia D.intermedia, pero nesta ocasión quería saber en especial das poboacións de pinguicula.






Pois ben a miña intención máis optimista era atopar algúns poucos exemplares de Pinguicula vulgaris,ou linguas do loberno, (con permiso de Rafael autor deste axeitado nome) que andarían a florecer nesta época. Cal foi a miña sorpresa cando as primeiras de cambio xa tiña ante min unha colonia cercana os douscentos exemplares, moitos deles en flor e outros moitos aínda xurdindo.







Despois de facer unha morea de fotos, fun cara outra zona de turbeira donde sabía da esistencia soamente das orballiñas, ó chegaren, outra sorpresa, as orballiñas compartían o espazo cunha colonia de máis dun cento de Pinguicula lusitanica, especie que eu non coñecía máis que nas fotos. Estoutra especie aínda comenzando a florecer.





Por último decidín visitar unha ampla zona de turbeira, a mellor das que eu coñecía, ó chegar, a mesma sorte que as outras dúas turbeiras, pero esta era lugar esclusivo de Pinguicula vulgaris, xa mencionada, e seguramente a máis escasa das nosas carnívoras, estas asomaban ó longo dun talude rezumante de auga duns 400 metros de longo, e logo seguían aparecendo turbeira arriba. Un pouco a ollo podo decir que esta nova colonia superaba os 200 exemplares aínda que moito máis espallada que a primeira.





De seguro que a nosa serra agocha algún outro recuncho donde estas fermosas prantas andarán a medrar.
De todos xeitos non nos podemos levar a enganos, donde hoxe parecen estar a gozar dunha boa saúde, poderían desaparecer nun chiscar de ollos, con calquera actuación da man do home, que alterase minimamente as condicións ambientais destes lugares. Teremos que estar atentos a canto se fai nestas zonas, para que se teñan en conta estas poboaciós antes de faceren algunha nova desfeita polos altos dos nosos montes.
Durante o paseo por si non o estaba pasando ben de abondo aínda me alegrou a vista este fermoso macho de corzo que comía á beira do camiño e que non quería marchar nin dispois de verme.




Para máis información sobre as nosas carnívoras e co permiso de Rafael, poño este enlace ó blog amigo ó Noroeste do Noroeste que explica polo miúdo destas especies.
http://costaartabra.blogspot.com/2009/11/plantas-carnivoras-do-noroeste.html

Sen moito máis que engadir, despídome polo momento, moitas gracias por me ler.