RINCÓN NATURAL Ó NORTE DE GALICIA

Unha sociedade que decide organizarse sen unha ética mínima, altruísta e respetuosa coa natureza, está trazando o camiño da súa propia autodestrucción.

Leonardo Boff

Mostrar mensagens com a etiqueta Prantas. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Prantas. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, 3 de abril de 2012

DE NARCISOS POLAS FRAGAS DO SOR

É un pouco triste falar de fragas a tal hora, pero bueno é unha entrada que tiña preparada para esta fin de semana.

Andan as fragas do Sor a mostrar as súas riquezas, nestas semanas pasadas andiven  a mirar como estaba a cousa de narcissus, unha das máis fermosas flores que podemos atopar, e que ó igual que o xoven protagonista do mito de Narciso do que toman o nome, engaiola coa súa beleza a todo aquel  que o mira.


Polas zonas máis baixas xa fai que comenzaron a florecer os Narcissus triandrus subsp. triandrus.































Sen dúbida os máis abundantes pola zona, son un endemismo do cuadrante noroccidental da Península Ibérica e as illas Glénans, na Bretaña francesa.


Tamén aparececeron uns poucos pés de trompón ou amarelle (Narcissus pseudonarcissus subsp. nobilis)
Incluído no catálogo galego de especies ameazadas como vulnerable, agora coa nova revisión do xénero  esta subespecie pasa a entrar na variabilidade cromática de Narcissus pseudonarcissus subsppseudonarcissus, polo que imaxino que a quitarán do catálogo. 












En moitas saídas fora dos límites do concello atopo trompóns de forma moito máis habitual do que os atopo por acó, haberá que seguir mirando haber se aparece algunha boa poboación que non sexa de dubidosa pureza xenética. 



















Sen dúbida a maior alegría de tódalas xornadas foi atopar na fraga de maior altitude, lonxe da man recolectora da xente, o noso narciso máis escaso, o afrouxón (Narcissus asturiensis), agora unha subespecie do Narcissus minor polo que se denomina   Narcissus minor L. subsp. asturiensis.
Aproveito para agradecerlle a Xermán García Romai (Autor da web www.naturezadixital.com) por poñerme ó tanto destes cambios taxonómicos que eu descoñecía.
O afrouxón está protexido, aparecendo na directiva Habitats como especie de interese comunitario, está catalogada como especie Vulnerable en Galicia, en Asturias e no País Vasco como especie de interese especial

Dúas colonias apareceron polo momento, unha moi localizada con preto dun cento de pés nun espacio inferior ós 200 m2, 
A outra nun recuncho de fraga que atopei por primeira vez o verán pasado e que dende entón non deixou de darme moitas e agradables sorpresas, Sen dúbida un lugar cun importante valor ecolóxico onde os afrouxós nacen de forma continua ó longo dun pequeno regato, cunha poboación que supera o medio milleiro de exemplares salpicados aquí e aló, unha verdadeira gozada.
Esta especie soe aparecer en claros e prados de montaña e con menos frecuencia no interior das fragas como sucede neste caso, curiosamente nunca o vin nos prados das cotas altas do concello
































Pois ata aquí este pequeno repasiño ás especies de narcissus que medran polas fragas do Sor, esperemos que duren... os narcisos e mailas fragas, que xa poucas resisten pola comarca.
Un saúdo e moitas gracias por me ler.

domingo, 9 de outubro de 2011

CHUCHASAIVAS

De forma xeral decimos que as prantas son seres fotoautótrofos, absorben a materia inorgánica do solo (auga e sales minerales) que logo as follas mediante o proceso da fotosíntese son capaces de transformar a materia en orgánica (glúcidos, aminoácidos, ácidos grasos, etc).
Pero coma sempre, existen excepcións, e algunhas plantas adaptáronse de tal maneira  que son capaces de vivir evitando realizar total ou parcialmente este proceso, estas son as plantas parásitas.
As plantas parásitas teñen unhas raíces modificadas chamadas haustorios, que penetran na planta anfitrión conectándose co seu xilema, co floema ou con ambos, e extraendo por medio destos as súas sustancias.
Estas plantas pódense clasificar de dúas maneiras, hemiparásitas ou holoparásitas.
As primeiras poden realizar a fotosíntese, pero no canto de absorver a auga e as sales minerais do solo roubanlla (conectándose ó xilema) a outras plantas.
As segundas en cambio, nen sequera neso se molestan, e rouban directamente a saiva elaborada das prantas (conectando co floema), polo que perderon a facultade de realizar a fotosíntese, carecendo da clorofila e da cor verde que esta proporciona, tamén as follas quedan reducidas a diminutas escamas.

Estas son algunhas das que podemos atopar na nosa comarca.

HEMIPARÁSITAS:

Parentucellia viscosa.

Parentucellia viscosa. (praia de Esteiro)

Parentucellia viscosa. (praia de Esteiro)

Planta anual e moi pegañenta, que aparece nas partes baixas de Galicia, moi frecuente nas zonas de dunas fixas, florece de marzo a xunio.

Euphrasia minima.

Euphrasia minima. (Serra da Capelada).

Euphrasia minima. (Serra da Capelada).
Euphrasia minima. (Serra da Capelada).
Planta anual que aparece en prados de zonas altas. Ten unha altura inferior os 20 cm e florece entre Xunio e Agosto podendo ser as flores de brancas, amarelas ou púrpuras.

Melampyrum pratense

Melampyrum pratense. (río Sor)
Melampyrum pratense. (río Sor)

Melampyrum pratense. (río Sor)
Esta pranta anual medra na semisombra, especialmente en montes de coníferas e fragas podendo parasitar diversos arbustos, é moi abundante nas fragas do Sor florecendo entre maio e xulio.

Bartsia trixago.

Bartsia trixago.

Bartsia trixago.

Bartsia trixago.(detalle da Flor).
Pranta anual ou vivaz, que aparece nas dunas fixas e nas calias do sureste Ourensán, é abondosa en Ortigueira, na praia de Morouzos, sen embargo non atopei ningún exemplar nas praias do concello de Mañón.

Rhinanthus minor
Campo totalmente colonizado por Rhinanthus minor
Rhinanthus minor.

Detalle da flor de Rhinanthus minor
Pranta anual que aparece en zonas de pastos con certa humidade, e a que se lle atribúe a decadencia de moitos destes polo que parece non ter moita fama entre os gandeiros.
Aínda que Xose Ramón García na súa "Guía das plantas de Galicia"  sitúa esta especie nas provincias de Lugo e Ourense, dende logo é pranta moi frecuente polos pastos das zonas altas do concello de Mañón.

Pedicularis sylvatica.
Pedicularis sylvatica.

Pedicularis sylvatica.

Detalle da flor de Pedicularis sylvatica.
Pranta bianual ou vivaz, moi abondosa nas brañas e turbeiras de toda a comarca.

HOLOPARÁSITAS:
Orobanche rapum-genistae

Orobanche rapum-genistae emerxendo do chán.

Orobanche rapum-genistae.

Orobanche rapum-genistae comenzando a secar.

Pranta vivaz que pode acadar os 80 cm, parasita distintas especies de leguminosas en especial as xestas (Cytisus). Florece entre abril e agosto.

Orobanche minor

Orobanche minor

Orobanche minor. (detalle da flor)

Orobanche minor.

Pranta anual ou vivaz que soe medrar ata os 30cm ( acasionalmente ata 70 cm), como a especie anterior parasita leguminosas, pero esta ten preferencia polo trébol (Trifolium). Florece entre abril e xuño.

Orobanche foetida

Orobanche foetida (cantís de Esteiro).

Orobanche foetida (cantís de Esteiro).
Especie que acada os 70 cm de altura e que parasita as leguminosas. Florece dende marzo ata agosto. É unha especie que soe aperecer no interior de Galicia, polo que a localización deste exemplar non debe ser moi común.

Orobanche hederae.

Orobanche hederae. (Morouzos)

Orobanche hederae. (Morouzos)

Orobanche hederae. (Morouzos)

Orobanche hederae. (Morouzos)
Os talos desta especie acadan os 35cm e parasita hedras (Hedera). É sen ningunha dúbida o orobanche máis escaso de Galicia contando con moi poucas citas. Estos das fotos son os únicos que eu vin, aínda que moi localizados, sobrepasaban o cento de exemplares.


Cuscuta epithymum

Cuscuta epithymum comenzando a extenderse por un toxo.

Cuscuta epithymum en flor.

Cuscuta epithymum (detalle da flor)
Coñecida como barba de cuco ou de raposo, aparece por toda a comarca, parasitando sobre todo os toxos. As sementes desta especie poden estar ata 10 anos no chan sen xerminar, unha vez xerminadas, a plántula só ten unhos poucos días para atopar un anfitrión, do contrario esgotará as reservas da semente e morrerá. No caso de que atopase un toxo onde cravar os seus haustorios, a raíz orixinal desaparecerá, quedando a cuscuta pendurada do seu anfitrión medrando rapidamente e chegando a cubrir por completo o toxo. En maio ou agosto florece, e a finais do verán morre, deixando no chan unha gran cantidade de sementes, que xerminarán a primaveira seguinte, repetindo de novo o ciclo.

Sen moito máis que engadir despídome polo momento, un saúdo e moitas gracias por me ler.

sexta-feira, 29 de abril de 2011

Carnívoras da Faladoira

Esta é unha entrada das que gusta facer, por ser unha boa nova para a nosa bisbarra. Estos días atráis andiven paseando pola Faladoira para ver conmo andaban as nosas poboacións de prantas carnívoras.
Medraban gran cantidade de orballiñas, algo esperado, aínda que non contaba con tan alta densidade de exemplares. A maioría eran da especie Drosera rotundifolia aínda que tamén aparecia D.intermedia, pero nesta ocasión quería saber en especial das poboacións de pinguicula.






Pois ben a miña intención máis optimista era atopar algúns poucos exemplares de Pinguicula vulgaris,ou linguas do loberno, (con permiso de Rafael autor deste axeitado nome) que andarían a florecer nesta época. Cal foi a miña sorpresa cando as primeiras de cambio xa tiña ante min unha colonia cercana os douscentos exemplares, moitos deles en flor e outros moitos aínda xurdindo.







Despois de facer unha morea de fotos, fun cara outra zona de turbeira donde sabía da esistencia soamente das orballiñas, ó chegaren, outra sorpresa, as orballiñas compartían o espazo cunha colonia de máis dun cento de Pinguicula lusitanica, especie que eu non coñecía máis que nas fotos. Estoutra especie aínda comenzando a florecer.





Por último decidín visitar unha ampla zona de turbeira, a mellor das que eu coñecía, ó chegar, a mesma sorte que as outras dúas turbeiras, pero esta era lugar esclusivo de Pinguicula vulgaris, xa mencionada, e seguramente a máis escasa das nosas carnívoras, estas asomaban ó longo dun talude rezumante de auga duns 400 metros de longo, e logo seguían aparecendo turbeira arriba. Un pouco a ollo podo decir que esta nova colonia superaba os 200 exemplares aínda que moito máis espallada que a primeira.





De seguro que a nosa serra agocha algún outro recuncho donde estas fermosas prantas andarán a medrar.
De todos xeitos non nos podemos levar a enganos, donde hoxe parecen estar a gozar dunha boa saúde, poderían desaparecer nun chiscar de ollos, con calquera actuación da man do home, que alterase minimamente as condicións ambientais destes lugares. Teremos que estar atentos a canto se fai nestas zonas, para que se teñan en conta estas poboaciós antes de faceren algunha nova desfeita polos altos dos nosos montes.
Durante o paseo por si non o estaba pasando ben de abondo aínda me alegrou a vista este fermoso macho de corzo que comía á beira do camiño e que non quería marchar nin dispois de verme.




Para máis información sobre as nosas carnívoras e co permiso de Rafael, poño este enlace ó blog amigo ó Noroeste do Noroeste que explica polo miúdo destas especies.
http://costaartabra.blogspot.com/2009/11/plantas-carnivoras-do-noroeste.html

Sen moito máis que engadir, despídome polo momento, moitas gracias por me ler.