RINCÓN NATURAL Ó NORTE DE GALICIA

Unha sociedade que decide organizarse sen unha ética mínima, altruísta e respetuosa coa natureza, está trazando o camiño da súa propia autodestrucción.

Leonardo Boff

quarta-feira, 11 de maio de 2011

Aglia tau

Non fai moito paseando con un compañeiro por un afluente do Sor topamos con unha bolboreta.
O seu nome é Aglia tau, en España só está presente na cornisa cantábrica e nos Pirineos.
En Galicia foi citada por primeira vez no ano 1977 por Fernandez Vidal. Ten unha distribución moi reducida estando citada só nas Fragas do Eume, e na Serra do Candán en Lalín, máis recentemente foi citada no Courel e nos Ancares. Non parece que fora citada por estas terras, nin tanpouco foi esta zona incluída como de potencial distribución da especie, a pesar de non estar tan lonxe das Fragas do Eume.



Este exemplar é unha femia que estaba pousada nun felgo seco, nun monte de galería dominado por carballos, ameneiros e aveleiras a 350 metros de altitude. Nalgunha outra ocasión puiden ver revolotear durante o día algún exemplar macho, pero ata agora que atopei este exemplar que puiden fotografiar, non reparara na especie nin a identificara, parece difícil poder fotografiar un macho sen ser capturado, xa que voan a unha velocidade importante e nunca as vin pousarse.


Fóra de Galicia esta especie parece alimentarse case exclusivamente de faias, mentres que na nosa terra a falta de masas desta especie, parece ter preferencia por aveleiras como pranta nutricia.


A súa actividade céntrase nos meses de Abril ata Maio-Xunio, según a altitude. O macho de forma xeral voa polo día durante a mañá en busca de femias, aínda que tamén o pode facer de noite se ten algunha luz artificial, a femia so voa de noite. Teñen unha soa xeración o ano, a posta realízase nas gretas dos troncos das árbores desenrolándose as eirugas dende maio ata agosto, pasando por 4-5 estadíos e pupando a partir deste mes na follarasca do chan. Neste estado pasan o inverno, para xurdir como bolboretas na primaveira seguinte, esta ten unha embergadura de ente 6-8,5 cm e unhos fermosos "ocelos" de cor púrpura que encerran unha mancha branca que recorda a letra grega tau, da que provén o seu nome.


Para ver algún dato máis sobre a distribución e costumes da especie en Galicia premede no título.
Sen moito máis que engadir despídome polo momento, moitas gracias por me ler.